IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

ELEMENTOS E FACTORES























A situación de Galicia, no Noroeste da Península Ibérica, a cabalo do Océano Atlántico e dos ambientes climáticos da Meseta, xunto coa súa morfoloxía, deu como resultado unha grande diversidade climática. 
O clima galego clasifícase como clima temperado de dominio oceánico sendo determinante o Océano Atlántico que baña as súas costas e que inflúe en toda Galicia, se ben con importantes diferenzas entre a costa e o interior, polo que ha de falarse de clima oceánico puro e oceánico de transición. 
Obsérvanse diferenzas tanto de temperaturas, dende o mar cara ó interior (maior amplitude térmica*) e dende o Norte ó Sur (superior temperatura media), coma de precipitacións, cun litoral máis chuvioso fronte ó interior no que se rexistran secas estivais prolongadas.


ELEMENTOS
Os elementos que caracterizan un clima, son moitos: a temperatura, as precipitacións, a aridez, as néboas, os ventos, a nubosidade, as xeadas (no interior poden superar os 50 días ó ano), a insolación. Pero de todos eles, os principais son a temperatura e as precipitacións.

a) TEMPERATURAS
En xeral, as temperaturas son suaves ó longo do ano sen contrastes apreciables: temperatura media anual entre 10º e 15º C. 

Pero estas medias quedan matizadas por:
- A oceanidade fai que nas zonas costeiras non aparezan temperaturas extremas, pois o mar modera as temperaturas. A amplitude térmica é de 9º na Coruña.

- A continentalización coa conseguinte perda da acción reguladora do océano, fai que a amplitude térmica sexa maior no interior (por riba dos 20º) que na costa. Na Terra Cha ou en Santiago a amplitude térmica acada os 10º-15º , e en Valdeorras supera os 15º

-A latitude, determina que as temperaturas medias sean máis baixas cara ó Norte: en Coruña a media de días que superan os 25º é de 9, mentres que en Vigo é de 40º.

b) PRECIPITACIÓNS
Son abundantes en toda a rexión, oscilando a media anual entre os 600 mm e os 2500 mm. Ó contrario que as temperaturas, as precipitacións e o número de días con choiva van descendendo de noroeste a sueste. Así, na Coruña recóllense 968 mm de auga anuais fronte ós 1.341 de Vigo.
Na distribución das precipitacións inflúe:
- O relevo porque a súa disposición facilita  ou dificulta (corredores e barreiras orográficas) a introdución de masas de aire húmido procedentes do Atlántico. 
Polas Rías Baixas penetran os ventos húmidos e temperados do oeste e suroeste, polas Rías Altas penetran os ventos frescos e húmidos das borrascas do norte. Nos dous casos, as masas que avanzan polas rías son detidas polas serras do fondo, acumúlanse en nubes e reforzan as precipitacións.

Fíxate como as Rías Baixas con orientación SW se converten en vías de penetración  dos sistemas nubosos que avanzan ata as serras de Suido, Faro de Avión e Montes do Testeiro. No seu ascenso verten as precipitacións nas vertentes occidentais situadas a barlovento

-A lonxitude e latitude modifican o tipo e ritmo de precipitacións. Así, son anualmente máis regulares no norte e no oeste, mentres que no sur e no leste son máis torrenciais e estacionais, acusando un importante mínimo de verán con ata dous meses de seca.




Segundo a orixe, as precipitacións (choiva, neve ou granizo) poden ser: 


 - Convectivas. Cando unha superficie se quenta moito, tamén se quenta o aire que hai encima que en consecuencia comeza a ascender. Entón ....


 - De relevo. Se hai un relevo no avance dunha masa de aire húmida, esta precisa ascender. Entón .....



 - De fronte. Se dúas masas de aire distintas, unha fría e outra cálida, chocan, entón ...... (verémolo logo)




FACTORES
Son os trazos particulares permanentes que exercen unha influencia constante e invariable, ou cíclica, sobre os elementos climáticos. Clasifícanse en dous grupos: xeográficos e termodinámicos. 


a) XEOGRÁFICOS

- Latitude. Galicia está situada entre os 42º e os 44ºN de latitude xeográfica, entre o Círculo Polar Ártico e o Trópico de Cáncer, na zona temperada, quedando pois baixo a influencia do aire polar e das masas tropicais que inflúen estacionalmente no seu clima. Tamén a latitude determina a radiación solar, que será menor canto máis ó norte nos situemos.







- Relevo, que actúa tanto sobre as temperaturas coma sobre as precipitacións. 
As temperaturas diminúen coa altura (gradiente térmico vertical), extremanse anual e diariamente (amplitude térmica anual e diaria), e diferencianse entre as que hai nas vertentes de solleiro -orientada ó sur- e nas vertentes de umbría -orientada ó norte).









As precipitacións, aumentan coa altura e polo efecto föehn, de xeito que as vertentes dos relevos periféricos que dan á costa reciben máis humidade por estaren a barlovento que as vertentes opostas que están a sotavento. 
A razón está en que as masas de aire ó topar cun obstáculo orográfico vense obrigadas a ascender, entón arrefrían, condénsanse e dan lugar a precipitacións; logo descenden por sotavento aumentado a temperatura e producindo sequidade. 


Fíxate como nos Ancares vemos a diferencia entre a vexetación das vertentes.







E mira este video con olas no mar de nubes




A influencia marítima marca a diferenza entre oceanidade e continentalidade. Nas costas, o mar suaviza as temperaturas e os contrastes, mentres que nas áreas do interior, lonxe do mar, sucede ó contrario. No litoral, incrementase a formación de nubes e a humidade relativa e, consecuentemente, aumentan as precipitacións. Tamén no litoral se producen as brisas costeiras pola diferenza de temperaturas entre mar e terra.



b) TERMODINÁMICOS
Son os motores da circulación atmosférica:
en altura: a corrente en chorroen superficie: as masas de aire, as frontes e os centros de acción


- A corrente en chorro ou Jet Stream circula, de oeste a leste, a unha altitude en torno ós 11.000 m, unha velocidade entre 100 e 300 Km/h. Separa as masas árticas e polares das masas subtropicais, de xeito que se asocia á fronte polar. Non permanece sempre nas mesmas latitudes, en inverno, ralentízase e ocupa unha posición máis meridional polo que as masas frías tamén descenden; pola contra, no verán con máis velocidade ascende de latidude deixando subir as masas tropicais.






Mira estes vídeos e animacións:
1. O aproveitamento do Jet Stream.




2. Animación realizada pola NASA



2. Gráfico para observar as ondulacións estacionais



Como acabamos de ver, en primavera e outono forma ondas (cristas/dorsais* e valgadas*) que provocan que o aire tropical penetre moi ó norte ou masas frías descendan moi ó sur, así como os desprendementos que dan lugar a gotas frías.
Cando se estrangula unha valgada e deixa solta unha bolsa de aire moi frío (DANA: depresión illada en niveis altos), prodúcense as gotas frías,  frecuentes no Mediterráneo a finais do verán ou principio de outono. Nestes casos, unha masa de aire moi quente e húmida se eleva sobre o Mediterráneo, no seu ascenso topa coa masa fría que hai en altura, ascende sobre ela, arrefría, entón condensase en nubes e precipita con fortes tormentas. As consecuencias adoitan ser catastróficas.

Nesta páxina temos unha explicación da formación das gotas frías.



- As masas de aire son grandes porcións de aire, máis extensas que altas, con características de temperatura e humidade horizontalmente homoxéneas, adquiridas nas súas rexións mananciais. 
Clasifícanse por latitude (indica a temperatura) e pola superficie de orixe (indica a súa humidade. As principais son a ártica e a tropical (en menor medida a polar), subdivididas en marítima e continental.





- As frontes son superficies de descontinuidade que separan dúas masas de aire que por ter características distintas non se mesturan. 

Poden ser de catro tipos (vemolos coas animacións): 
- cálida
- fría
- ocluída
- estacionaria
Móvense de oeste a leste producindo perturbacións atmosféricas xeradoras de inestabilidade, a miúdo con precipitacións. 
De grande importancia pola súa influencia é a Fronte polar que separa as masas de aire tropical –cálida e lixeira- e polar -fría e densa- A primeira ascende sobre a segunda. Non está sempre nas mesmas latitudes, senón que se despraza, en correlación coa corrente en chorro, segundo a estación do ano: no verán situase por riba de Galicia e no inverno un pouco máis ó sur, momento no que a súa influencia é maior. 


 A fronte polar e as súas características ondulacións

Ó longo desta fronte orixínanse unha serie de borrascas de tipo ondulatorio separadas por cuñas anticiclónicas (circulación en omega que remata por ocluírse) empuxadas polos ventos do oeste.






- Os centros de acción son áreas de alta (anticiclón) ou baixa (borrasca) presión que poñen en funcionamento as masas de aire. 
Ademais de solas atopámolas distribuídas en bandas horizontais simétricas ó Ecuador (aínda que varían estacionalmente). 






Borrascas
Presión no centro inferior á 1013 mb
Xiran en sentido antihorario 
Aire con nubes que ascende 
Inestabilizan o tempo por seren receptores de ventos Tempo nuboso e con precipitacións



Anticiclóns
Presión no centro superior ós 1013 mb 
Xira en sentido horario 
Aire seco e sen nubes que descende e escapa 
Estabiliza a atmosfera ó bloquear as borrascas 
Tempo seco, frío ou cálido segunda a estación





Os centros de acción represéntanse nos mapas do tempo por medio de isóbaras, liñas pechadas que unen puntos de igual presión. Ó aire desprázase dun anticiclón a unha borrasca seguindo practicamente as liñas das isóbaras que aparecen representadas nos mapas do tempo. Canto máis xuntas están máis forte é o centro de acción.


Mira esta animación



Para Galicia é fundamental o anticiclón das Azores. Varía de posición ó longo do ano en relación coa corrente en chorro e a fronte polar: no verán, cando a fronte polar se sitúa sobre os 60ºN, quedamos baixo a súa influencia con tempo cálido e seco (fai de barreira contra as borrascas do oeste); no inverno, ó situarse máis meridional a fronte polar, quedamos baixo as influencias das baixas presións noratlánticas que traerán frío e precipitacións (ou moito frío e aire seco se penetran os anticiclóns polares).




¿Que ves neste mapa do tempo?



E aínda que non falamos nada do vento, quedemos con este mapa eólico de Galicia. ¿Que te suxire?







EXERCICIOS