IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

DEMOGRAFÍA E HABITAT

Abaixo vemos a cifra de poboación (INE) de Galicia a 1 de xaneiro de 2012. A provincia con máis poboación éA Coruña mentres Ourense ocupa o derradeiro lugar.







Dúas son as características principais da demografía galega:

- o índice de de avellentamento, calculado como o cociente das persoas de 65 ou máis anos entre os mozos menores de 20, que acadaba nese mesmo ano o valor de 136,9, é dicir, por cada 100 mozos menores de 20 anos residían en Galicia 137 maiores de 65 ou máis anos.

Na gráfica inferior reflíctense só as cantidades de poboación no ano 2012, en idades superiores a 80 anos.Fíxate como o grupo de 85 e máis anos, supera cifra de 90.000 persoas.



¿Que conclusións poderías sacar deste mapa? Índice de envellecemento dos concellos galegos


É o alto envellecemento, acadado polo aumento da esperanza de vida, o que eleva as taxas de mortalidade, superiores á media española e compartida con outras comunidades autónomas.





- a emigración ó exterior que foi alta na primeira metade do século XX (a países americanos primeiro, a Europa despois), atenuouse posteriormente pese ó éxodo rural, e actualmente o saldo migratorio (datos do 2011) resulta positivo por mor da chegada de persoas procedentes do resto de España e do estranxeiro, áinda que se manteña a saída de efectivos de poboación.



O saldo vexetativo (nacementos menos defuncións) resulta negativo, a pesar do leve incremento dos nacementos rexistrado a partir de 1999.




En canto á distribución, resulta moi irregular e cunha densidade que está en 93,6 hab./km², algo superior á media española.































A pesar da gran cantidade de núcleos que se dispersan por toda a rexión, a metade da poboación vive na costa atlántica, e sobre todo no contorno de Vigo e A Coruña. O desequilibrio demográfico entre o litoral e o interior fraguouse xa no s XVIII, debido fundamentalmente á industrialización do litoral, á introdución de novos cultivos e ó desenvolvemento do comercio marítimo; desde mediados do s XX acentuouse o fenómeno da concentración costeira e urbana, acompañado da regresión da poboación rural, grazas á emigración xa citada e á industrialización.
Pola súa parte, o poboamento caracterízase pola dispersión dos asentamentos e o policentrismo urbano que dá a Galicia un dos maiores índices de densidade de poboación rural. Un dato ilustra a dispersión do poboamento galego: da totalidade de núcleos de poboación recollidos no nomenclátor de España, case a metade corresponde a Galicia.
Dous feitos parecen explicar esta dispersión:
- un de tipo xeográfico, como resultado da compartimentación do relevo, que impide a continuidade do espazo cultivado
- outro histórico e que se pode remontar á Idade Media: a tendencia á división da propiedade e da explotación agrícola ó longo da historia. Curiosamente, o cambio dunha economía agraria a outra máis industrial consolidou a dispersión, e será o establecemento de servizos o que poderá evitala, se ben o fenómeno da segunda residencia, segue a dar lugar a núcleos pequenos modernos.
O hábitat (forma en que se distribúe a poboación) característico de Galicia é a dispersión en pequenos núcleos. Non predomina a dispersión absoluta (casas illadas unhas das outras) nin grandes poboados distantes os uns dos outros como sucede, por exemplo, en Castela.
A aldea é dende a Idade Media o núcleo básico do poboamento rural de Galicia. Configurase como un pequeno núcleo que inclúe un territorio cuns límites moi precisos e que consta dunha serie de elementos: casas e edificacións necesarias para albergar as colleitas e os rebaños, terras destinadas ao cultivo de frutais, hortas, terras de labradío e bosques e espacios incultos en xeral. ¿Recoñeces na imaxe algún deses elementos?.
¿Onde se ubican as aldeas?
- Nas zonas de montaña, as aldeas cando se sitúan na ladeira sur, están a media altura, pero cando o fan nas ladeiras norte, aparecen no alto. Na parte alta cultivaríanse os produtos de secaño como o centeo, e por debaixo, ma parte máis húmida, estarían os prados en banzos separados por regas para aproveitar a auga. .


- Nos chairas óptase por algunha pequena elevación, un outeiro, e nas inmediacións estarían as terras de cultivo

- Na costa buscáronse lugares de abrigo onde se constrúe o peirao


Cando a poboación comezou a medrar, a partir do século XI, foi preciso anovar terreos ata entón incultos para poder producir máis alimentos. Nas novas terras de labor fundáronse novos núcleos de poboación que recibiron o nome de vilares, lugares e casais.
O vilar adoita ser unha fragmentación do espazo da aldea, en especial das terras que foran gañadas ao bosque; co tempo poden chegar a constituir un núcleo independente. Casal e lugar, en troques, adoitan indicar un hábitat disperso, é dicir, explotacións illadas establecidas en terreos recentemente anovados e formadas por moi pouquiñas casas.
Neste proceso de ocupar novas terras tiveron un papel importante os monxes que fundaron mosteiros por toda Galicia, e que, ademais, puxeron en marcha numerosos centros de explotación agrícola (granxas) que co tempo deron lugar tamén a aldeas que conservaron recordo desta orixe na súa toponimia, con nomes como A Graña, Grañal ou A Granxa.
A finais do século XIII a paisaxe rural de Galicia era, no esencial, similar á que perviviu até épocas moi recentes: unha rede de poboamento densa na que a aldea é o elemento principal, e que se completa coa presenza dun poboamento máis disperso formado por lugares, granxas e casais que eran núcleos con pouquiñas casas e que mesmo, neste último caso, podía estar constituído por unha única vivenda illada.
Unha especial relevancia segue a manter a parroquia, nacida xa na época sueva, As primeiras parroquias eran moito máis extensas (comprendían máis territorio) que as actuais e incluían varias igrexas (freguesías) que se encargaban de atender a un número variable de aldeas. Posteriormente esas igrexas foron adquirindo relevancia e, a partir de fins do XII, asumiron a función parroquial converténdose nas parroquias de territorio máis reducido que chegaron até os nosos días.
Ademais da súa función relixiosa, foron para as comunidades campesiñas o marco de convivencia fundamental. No adro da igrexa parroquial comentábanse as novas, poxábanse a cera e a esmola de determinadas prácticas relixiosas, organizábanse as festas, facíanse os negocios e tamén recibían sepultura os mortos. A igrexa parroquial constituíu o centro da organización social; a parroquia pasou a ser a principal referencia para os veciños que se sentían moi vinculados a ela. Cada parroquia tiña, ademais, un territorio e un patrimonio propios, que normalmente era un conxunto de montes explotados de forma colectiva.
Así escribe Otero Pedrayo no 1927:
A parroquia é a reunión de lugares compostos cada un por un número pequeno de veciños e formando a mesma freguesía. A igrexa é o centro de reunión, o seu lugar dá nome á parroquia; á saída de misa, sobre a terra do adro vense os amigos, fanse contratos, danse os recados, exprésanse opinións, saúdanse os forasteiros. O paisano é da parroquia, non do concello: o señor Perfecto Cabanelas é do lugar de Souto do Río na parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo. Aninguén se lle ocorre dicir que é do Concello de Canedo”.

A cidades son entidades maiores e con gran diversidade de servizos. Hai sete idades que superan os 50.000 habitantes. Coruña, Vigo, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Lugo e Santiago de Compostela, pero existen tamén 145 centros de mercado que se asentan en cidades históricas e centros comarcais. A situación actual amosa:
- unha clara contraposición entre as provincias do interior, maioritariamente regresivas, e as provincias atlánticas que, pese ás notables variacións internas, conforman un eixo expansivo, o eixe atlántico. Observa a imaxe que segue na que os puntos indican os núcleos de poboación.


- un débil sistema urbano principal constituído por sete cidades, das que ningunha acadou o estatuto de capital económica ou centro referente para o conxunto do país. Fíxate que a nivel nacional, entre os municipios de maior número de habitantes só aparece Vigo.

- O carácter excéntrico e periférico do conxunto do sistema a respecto dos eixes dinámicos de desenvolvemento da Península


EXERCICIOS