IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

Reino suevo e dominio visigodo

En verde, os límites do reino
En amarelo, a provincia romana
A principios do s. V diferentes pobos xermánicos foron penetrando no Imperio Romano, un deles foi o pobo suevo, uns 30.000 “bárbaros” que penetrarían nesta extrema parte Galliciae.
O emperador Honorio asina, no 411, un foedus polo que lles asigna estas terras de Gallaecia, con capital en Braga, é a orixe do Reino Suevo de Galicia, o primeiro reino occidental despois da caída do Imperio Romano e sentou as bases dunha organización territorial que aínda pervive nos nosos días.

A pobreza de fontes escritas da época limita o coñecemento da organización política aquí implantada. O bispo Hidacio escribe unha crónica na que, ademais de escasos datos, acaba no ano 468. O único que sabemos é que as crónicas europeas deixan de chamar a esta zona reino suevo para denominala Galliciense Regnum. Unha nova fonte literaria, a de Xoán de Bíclaro, informa da situación a partir do ano 550, o que deixa un baleiro de cen anos.
Os bárbaros [suevos, vándalos e alanos] espállanse furiosos polas Hispanias [no 409]. O azote da peste causa non menos estragos (...). Os soldados saquean as riquezas e as vituallas gardadas nas cidades; reina unha fame tan espantosa que, obrigada por ela, o xénero humano devora carne humana (...). Arrasadas as provincias de Hispania polos continuos ataques, os bárbaros, para alcanzar a paz (...) decidiron dividir as rexións da provincia para habitalas. Os suevos ocupaban Gallaecia, situada na extremidade do mar océano. Os alanos ocuparon as provincias Lusitana e Cartaxinense e aos vandalos de sobrenome silingos tócalles en sorte Bética. Os hispanos que sobreviviron ás pragas nas cidades e nos catelos, sometéronse á dominación dos bárbaros.
HIDACIO (bispo de Acqua Flavia -Chaves-), Cronicón 18. 49, s. V

Hermerico, primeiro rei suevo de Gallaecia
Orosio descríbeos aborrecendo as espadas e entusiasmados cos arados, perio a situación mudou a partir do 430, cando comezaron varias campañas guerreiras contra a poboación de Lusitania, da Tarraconenese e da Bética, segundo algúns debido á superpoboación e á falta de recursos.
Para levar a cabo estas accións por toda Hispania implican necesariamente a connivencia das xentes galaicas, especialmente coa aristocracia.
Prtonto os visigodos tronzaron esa política expansionista: a mediados do s. V, Teodorico II, actuando en interese de Roma e no seu propio, entra en Hispania cun grande exército que vence os suevos na batalla do Órbigo e, posteriormente, saquea Braga. O reino suevo queda na órbita de dependencia visigoda.
Parte dos suevos vencidos refuxiáranse no norte de Gallaecia e parte no sur de Lusitania. Ambos grupos engarzáronse en continuas loitas polo poder nomeando os seus respectivos monarcas, ata que o rei Remismundo unifica as distintas faccións suevas e se converte ao arrianismo para remarcar a sumisión ao poder visigodo. As derradeiras crónicas de Xoan de Bíclaro falan dunha monarquía sumisa aos visigodos que dominan a Península desde Toledo.
No 550 prodúcese un novo cambio: o rei suevo Teodomiro volve a converterse ó cristianismo nun intento de achegamento ao Imperio Bizantino e de oposición os visigodos. Os seus sucesores emprenderán campañas militares para se liberar dos visigodos e recuperar a independencia. Pero este intento vai significar o fin do reino suevo no 585, cando o rei godo Leovixildo, baixo pretexto de revoltas internas dinásticas, penetra no territorio cos seus exércitos, toma Porto e Braga e anexiona definitivamente o reino suevo ó visigodo.
[No 585] o rei [dos visigodos] Leovixildo asola Gallaecia,, toma prisioneiro o rei Andeca, e apodérase do pobo, do tesouro e da terra dos suevos, converténdoa nunha provincia dos visigodos (...). A Andaca córtaselle o pelo e a barba, despois de privalo do reino (....). En Gallaecia, Malarico intenta facerse co poder e coroarse rei pero é rapidamente vencido polos duques de Leovixildo; feito prisioneiro e encadeado, foi presentado ao rei.
Crónica de Xoan de Bíclaro


En contra do que se puidera pensar, a conquista non conlevou represión senón que, en principio, respectáronse as súas estruturas organizativas. Aínda así os sucesivos reis visigodos só lograrán manter o control de Galicia e evitar a reconstrución do Reino Suevo poñendo á fronte da administración galaica os seus fillos.


Figura relevante na organización da Igrexia e na cristianización do territorio galaico foi Martiño de Braga -ou Martiño de Dumio-, tradicionalmente considerado nacido en Panonia (nas actuais Austria e Hungría) e formado en Constantinopla aínda que hoxe se pensa orixinario das Galias.
Coa obra do Dumiense, a Igrexa converteuse no eixo principal de control do territorio xunto coa xerarquía civil, o que serviu a integrar e dar unidade ós territorios desta provincia galaica. Dúas son as pólas da súa doutrina que arraigaron na nosa rexión:
-A cristianización da poboación, mediante unha acción catequética contra das herexías e tradicións paganizantes como o culto ás forzas da natureza e os restos do priscilianismo aínda presente na sociedade da época.
Os principios cristianizadores foron recollidos no manual De correctione rusticurum
Celebrar as Vulcanais e as Kalendas, adornar as mesas, poñer loureiros, prestar atención ó pé e derramar no lume derriba dun tronco, gran e viño e botar pan á fonte ¿que oputra cousa é senón culto ó demo?.
-A organización eclesiástica de Gallaecia, asociada á celebración de concilios e á creación de mosteiros e sés episcopais - unhas dependentes de Braga e outras de Lugo-.  Entre as lucenses debemos destacar a de Britonia -actual Bretoña- fundada polo bispo bretón Maeloc, que xunto con celtas bretóns procedentes de Britania se refuxiaron nesta  zona norte da península. A igrexa e o mosteiro serán destruídos polas invasións normandas.
Destas mesa etapa é o Parroquiale Suavum, que mesmo se hoxe en día se mira con precaución, da conta das supostas parroquias existentes no territorio, moito máis abondosas na provincia bracarense que na lucense, a maioría das cales pertence a un topónimo prerromano, o que significa que aproveitaron a antiga organización administrativa castrexa. Martiño de Braga morreu poucos anos antes de que a monarquía sueva acabe de novo baio a éxida dos visigodos.


¿Foi moi intensa a xermanización nestes territorios? No que atinxe á organización social e á estruturación do réxime de explotación da terra non semella que tivese a importancia que as invasións bárbaras tiveron noutros territorios. Houbo, certamente, unha definitiva sedentarización nos vales, e a abundancia de topónimos derivados de nomes de persoeiros xermánicos (Guitiriz, Distriz, Sabarís,..) amosa a posesión da terra por parte destes invasores; pero a conformación dunha sociedade xerarquizada por unha minoría de propietarios da terra foi un fenómeno posterior. O saldo máis rechamante destes tres séculos de dominio xermánico será, paradoxicamente, a forza coa que agromaron os legados do período baixorromano, o que aínda notaremos con maior forza na etapa altomedieval. Hai que sinalar que mesmo despois da desaparición do reino suevo, as descricións que se fan da Península Ibérica equiparan frecuentemente os termos Hispania, Galia ou Gallaecia, o que demostra que a singularidade de Gallaecia sueva e visigoda era percibida desde fóra como unha unidade.

No campo da arte pouco se conserva desta época xermánica: San Pedro de Rochas (único exemplo de igrexa rupestre en Galicia) e Santa Comba de Bande, ambas na provincia de Ourense, son as principais mostras, xunto con relevos das laudas en estola (tapas de sartegos en forma que recordan as estolas eclesiásticas) e pezas de ourivería.






Poboamento castrexo, romano e suevo



Pechamos con esta viñeta tomada de desdeelnibelheim.blogspot.