IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

O século XIX

O comezo do novo século ven marcado pola Guerra de Independencia contra os exércitos franceses, pero ó mesmo tempo iniciouse un proceso que marcaría a fin definitiva do Antigo Réxime: a revolución liberal que con avances e retrocesos non chega a consolidarse ata despois do reinado de Fernando VII



1.- GUERRA E REVOLUCIÓN
Monumento canmemorativo da batalla de Pontesampaio
A loita contra as tropas francesas durou de xaneiro a xuño de 1809, e veu derivada do feito de que o mariscal Soult se dirixiu a Galicia, e ocupou o territorio, en persecución das tropas inglesas comandadas por John Moore. Na reconquista do territorio, ademais de corpo do exército, participaron guerrillas populares, que conseguiron sonados éxitos, como a batalla de Pontesampaio (tamén actualmente se celebra un festa de recreación histórica). Estas guerrillas estiveron dirixidas polos coroneis Morillo e Cachamuíña.
A loita contra o francés foi un episodio moi popular -aínda que a reación non se produciu ata que os galegos viron os franceses nas súas casa- na que os fidalgos e os clérigos conseguiron hexemonizar un campesiñado orientándoo para a loita contra o inimigo, pero non contra a abolición dos señoríos, dos décimos ou a Inquisición.


Ademais, dende 1808 ata 1839, sucedéronse os enfrontamentos entre as dúas correntes ideolóxicas, o carlismo e o liberalismo. As ideas liberais colleron grandes enraizamento en vilas e cidades, como na Coruña, onde se produciron episodios coma o pronunciamento de Porlier a favor do liberalismo, que acabou coa morte deste xeneral. En cambio, en Galicia, o carlismo nono conseguiu dispor dun exército propio, pero foi capaz de erguer numerosas partidas guerrilleiras que continuaron practicando accións similares ás emprendidas durante a ocupación francesa; estas estiveron dirixidas por fidalgos e frades e tiveron doada acollida en comarcas onde había mosteiros importantes, coma os de Samos, Sobrado ou Oseira. Tamén houbo núcleos carlistas urbanos, como o de Compostela.


Malia a derrota militar, foi evidente o arraigamento sociolóxico que o carlismo continuará a ter en Galicia. Pero esta defensa do Antigo Réxime non impediu a posta en práctica das institucións e as medidas políticas do liberalismo. Isto significa que se efectuou a desamortización e que os antigos señores perderon parte das súas antigas atribucións ó desaparecer o concepto de señorío. Unha das mudanzas máis notables e duradeiras da época liberal foi a instauración dun novo sistema administrativo, que supuxo unha ordenación do territorio de forma radicalmente distinta á existente con anterioridade. No ano 1833 foi creado o sistema provincial, pasando a catro as provincias galegas, acrecentándose a súa función. Á fronte de cada provincia figuraba un gobernador civil, que era o representante do poder central. Foron creadas tamén, a partir de 1836, as deputacións provinciais e fixáronse os límites dos máis de 300 concellos nos que se dividía o territorio galego.


2. A POBOACIÓN
A demografía presentaba, nos últimos séculos, un saldo evolutivo pobre, e iso que Galicia entrara no século XIX cuns indicadores demográficos de aceptable modernidade, entre os que sobresae a case ausencia de mortaldade catastrófica. A distribución xeográfica mudou notablemente, acentuándose a tendencia xa rexistrada dende finais do s. XVII do desprazamento do peso da poboación dende o interior cara á costa e, tamén, o lento pero decidido crecemento dos núcleos urbanos.
A emigración foi o factor máis definitorio da demografía galega contemporánea. Canto mías se unificou e desenvolveu o mercado mundial, mellores perspectivas se abriron para a emigración galega. Durante máis dun século, o feito migratorio formou parte de vivencias dos galegos: nunha poboación que roldaba os dous millóns de habitantes ó comezar o s XX, tense calculados dous millóns de emigrantes netos. Trátase, polo tanto, dunha emigración masiva, dirixida ós países americanos, especialmente Cuba, Arxentina, Brasil, Uruguai e Venezuela. Isto é un síntoma evidente dos problemas co que se enfrontaba a economía galega da época: o esgotamento dos métodos tradicionais de expansión agraria (ampliación da terra cultivada, desaparición dos barbeitos), que xa non servían, era un feito que favoreceu a emigración. Esta característica foi compartida por outros países europeos, especialmente Irlanda e Italia.


3. A EVOLUCIÓN ECONÓMICA
  • A terra. Os propios coetáneos tiñan unha clara conciencia de que a agricultura se atopaba nunha situación definida como “atrasada” e “ruinosa”, eivada como estaba por moi diferentes razóns: cultivos agrarios aínda pouco mudados, técnicas de explotación a terra apenas modernizados, permanencia do sistema foral, labranzas miúdas e impostos que diminuían as economías labregas.
    As características máis sobranceiras son a desamortización e permanencia do sistema foral, o minifundismo nas labranzas e o novo sistema tributario.
    - A desamortización eclesiástica foi un proceso de fondas repercusións, dado que a Igrexa cobraba case os dous terzos das rendas e décimos de orixe agraria. O primeiro paso do proceso desamortizador foi a exclaustración das comunidades monásticas a partir do ano 1835; moitos frades, que non eran galegos, retornaron ós seus lugares de procedencia ou ficaron como curas de parroquias próximas. O mobiliario, as boticas e os mosteiros non sempre foron ben conservados, e daquela espoliouse un importante patrimonio artístico. Pero en Galicia a riqueza destas institucións eclesiásticas estaban constituídas por foros e censos, isto é, dereitos a percibir unha parte do que se producía nas explotacións agrarias da terra. O que o Estado expropiou e vendeu logo foron, precisamente, esas rendas que pagaban campesiños ou mesmo fidalgos e non as terras que as producían. Por esta razón, continuaron como foreiros e rendeiros os mesmos que antes eran dos mosteiros. A influenza desta desamortización foi escasa, malia que fixo posible a aparición dunha nova clase de rendistas agrarios: os compradores da desamortización, moitos deles, burgueses comerciantes. A partir de 1855 comezou a segunda fase desamortizadora, aquela que afectou ás amplas masas de bens comunais pertencentes ós concellos e que eran aproveitados de forma colectiva. Sen embargo en Galicia, como en todo o norte, estes bens quedaron excluídos da desamortización, xa que non había propios que desamortizar porque os concellos eran de recente implantación en Galicia e os montes seguiron en mans das parroquias e aldeas, pois soamente se expropiaban os dos concellos. Polo tanto, as comunidades campesiñas seguiron explotando estas terras mediante contratos colectivos e mantiveron unha extraordinaria solidariedade que chegou ata ben entrada o século XX.
    - Se o minifundismo pervive non é pola  conexión coa presión demográfica, pois xa vimos que a maior parte do excedente de poboación rural emigra, senón coa permanencia dos trazos tradicionais do sistema agrario: foros, rendas e usos comunitarios, que non permitían evolucionar cara a explotacións máis grandes.
    - Un dos problemas máis sentidos pola sociedade agraria galega foi a aplicación dun novo sistema tributario xurdido da reforma de Mon-Santillán de 1845. “Trabucos” era como se denominaban os numerosos impostos que tanto labregos coma arrendatarios deberían pagar ás institucións da facenda estatal, provincial ou municipal. De todos eles, os máis temido eran a contribución territorial e os “consumos”, que gravaban o consumo feito pola poboación. A ,máis de que habína de ser pagados en diñeiro, estes impostos acrecentaronse moito ó longo da segunda metade do s XIX.
  • Unha industria esmorecente. Se na Europa Occidental observase un período de diversificación económica e de difusión da industrialización, en Galicia predominaron máis as ausencias das iniciativas industriais, de xeito que se produciu unha verdadeira “desinsdustrialización”. 
- Unha das industrias tradicionais máis importantes era a téxtil, pero tanto a súa organización interna, caracterizada pola escasa calidade técnica e a ausencia de comerciantes que dirixisen o proceso innovadores, como a competencia exterior (inglesa) e interior (castelá) fixeron de dobre cuña que rematou por fender este intento de diversificación da economía galega. A industria mantívose, polo tanto, nuns niveis rudimentarios e case artesanais. 
Batáns de Mosquetín en Vimianzo
 - A produción de ferro nas ferrerías tradicionais das montañas luguesas, perviviu ata case o fin do século.
Ferrería de Seoane do Courel
  - Colleu certo pulo a industria dos curtidos que comerciantes de orixe vasca montaron ás aforas de vilas e cidades. No marco do golfo ártabro, chegaron a instalarse, máis de vinte establecementos.
- Sobreviviu a actividade nas salgadeiras agora construídas en pedra de cantería mesturada con cachotería. Ó seu carón situábase o almacén do sal (alfolí). Nos derradeiros anos do s XIX, abrallou con forza unha industria conserveira que formou parte dun proceso de modernización ampliado no século seguinte. Considerase a primeira conserveira, a fábrica montada no 1843 na Illa de Arousa.
    Salgadeira de Cubelas (San Cibrao)
Fábrica de conservas en San Cibrao, xa con cheminea
- Fortaleceuse a Fábrica de Tabacos da Coruña. Mira o vídeo do traballo das mulleres, as cigarreiras, nesta fábrica.
- Un apartado especial merece a construción de vías terrestres de comunicación, que foi un proceso lento e serodio. O ferrocarril, símbolo de progreso, non chegou a se construír en Galicia ata fins de século. Despois da inauguración da liña Carril-Santiago en 1873 e A Coruña-Lugo en 1875, o noso territorio non se unirá a outros territorios españois ata dez anos despois. Con todo, haberá que esperar ata os anos do franquismo para que s vías férreas alcance a comunicar as principais vilas e cidades. A demora na construción das liñas debeuse á actuación localista da burguesía, a súa escasa potencia e o custoso que era, para as compañías concesionarias, a realización do trazado. Ó final, o plano das liñas férreas adoptará un deseño arborescente e radial que perseguía a integración de Galicia no mercado interior español (para comerciar co gando, principalmente) e non a comunicación interna das provincias galegas.
  • O comercio e a banca non deron suplido as carencias sinaladas.O comercio interior seguiu vinculado ó ámbito local de feiras e mercados; o comercio exterior centrouse na importación de produtos manufacturados, moitas veces luxosos, para satisfacer á clase fidalga e burguesía rendista, e na exportación de gando bovino con destino a Portugal e a Inglaterra. A banca galega, ligada a comerciantes portuarios ou composteláns con base en Carril, apenas supera a súa dimensión local e non exerce case funcións de depósito ou captación de aforros. Esta posibilidade última, ligada directamente ás remesas de diñeiro enviado pola emigración, experimentará un gran desenvolvemento no s XX. Pero o máis rechamente nesta situación bancaria é que nun país eminentemente agrario, non se desenvolvese o crédito temporal. A razón é dobre: as explotacións agrarias non precisaban apenas capital porque non n investimentos nelas, e, doutra banda, tampouco se produciu unha importante transferencia de terras que estimulara a concesión de préstamos hipotecarios.
4.- SOCIEDADE AGRARIA E CACIQUISMO POLÍTICO
Xa sabemos que nesta etapa quedan abolidos os señoríos das clases privilexiadas, e isto é a principal novidade con respecto á etapa de Antigo Réxime. Pero a desaparición destes señoríos non se traduciu, como sucedeu no resto de España, na conversión dos antigos señores en propietarios. E isto porque moitos señoríos eran eclesiásticos, e tralas desamortizacións, non puideron seguir beneficiándose da riqueza agraria, nin como propietarios nin como rendistas. Ademais, no caso dos señores laicos, resulta que o sistema foral bloqueou esta vía, xa que os campesiños tamén poden ser considerados “propietarios” das terras (tiñan o “dominio útil”) e polo tanto os nobres non tiñan o control absoluto das súas posesións.
  • Unha sociedade de rendistas. O amplo grupo de rendistas estaba composto, fundamentalmente, por algúns nobres absentistas, fidalgos de pazo, burgueses investidores en rendas e terras e mesmo cregos e campesiños. Pero esta heteroxeneidade social aparece claramente hexemonizada pola fidalguía ou pequena nobreza rural galega. Non obstante, a súa riqueza de base agraria foise deteriorando ó longo do século pola erosión que padecía a renda territorial (non subían as rendas por culpa do foro) e complementándose cos ingresos procedentes da milicia, da administración ou do ensino. Así, comezará a declinar esta preeminencia fidalga, aínda que o caciquismo imposto por estes nas vilas e no rural terá moita importancia ata ben entrado o s XX.
  • Burguesía e proletariado apenas foron capaces de tronzar este tecido social tan ben tramado por señores e labregos. A burguesía, maioritariamente comercial, aparecía espallada por vilas e cidades, dedicada á comercialización de produtos manufacturados de procedencia exterior, ó prestalo usurario e ó investimento en terras e rendas de parte dos seus aforros. Os núcleos urbanos coa burguesía máis poderosa foron A Coruña e Santiago. Pero os proxectos de modernización liberal non foron asumidos por moitos dos seus compoñentes, xa que actuaban cun sentido localista moi marcado. Desde esta perspectiva pode dicirse que non existiu burguesía galega do s XIX con proxección estatal e comerciantes maragatos e doutras orixes tiveron que suplir o que non daban cuberto os burgueses galegos pola súa teimuda vinculación coas rendas e coa terra. En canto ó proletariado, a súa importancia correu parella á da industria que tan escasamente xurdiu na Galicia decimonónica. As manifestacións políticas do obreirismo galaico apareceron primeiramente subordinadas ó republicanismo federalista. A pesar de todo, pola súa iniciativa foron fundados “Círculos de Artesanos” e “Ateneos”, así como xornais e actividades de lectura. Cara a finais do século a tradición obreirista ferrolá e coruñesa viuse potenciada coa achega procedente da cidade de Vigo, onde se estaban a botar as bases da industria conserveira.
  • O caciquismo foi unha das características da sociedade galega da segunda metade do s XIX, unha modalidade de clientelismo político moi frecuente na Europa da época. O cacique, considerado como un mediador entre unha sociedade rural e tradicional e a sociedade urbana e política exterior, foi moi ben descrito polos escritores da época. Os caciques dominaban o voto e a vida social do territorio onde exercían como tales. A base de promesas, favores ou ameazas conseguiron obter para eles mesmos ou para a familia da que eran “clientes” os cargos públicos e outras prebendas. Así, familias como as de Quiroga, Flórez, Alvarado, o marqués de Figueroa ou o Conde de Pallares, os Riestra ou Bustelo, conseguirán acceder a Cortes coma deputados, mentres dominaban as distintas comarcas galegas a través doutros pequenos caciques locais.
5. AS TENDENCIAS ARTÍSTICAS
Perdeu importancia a arte de carácter relixioso, tanto pola perda da influencia económica da Igrexa trala desamortización como por unha progresiva laicización da sociedade por mor do liberalismo.
O esplendor da arte barroca deixou paso a unha arquitectura vinculada ás remodelacións e ensanche de cidades, e a novos elementos, como o emprego do ferro en pontes e viadutos ferroviarios.
Ademais, xurdiu con forza unha escola pictórica que introduciu o costumismo e a paisaxe na tradición artística de Galicia. Entre os artistas máis sobranceiros están os pintores, que trataban de reflectir a sociedade do seu tempo a través do retrato, a composición de escenas da vida cotiá, as paisaxes,.. Un dos destacados sería Dionisio Fierros, que comezou a traballar en Galicia cara ó ano 1855. Do derradeiro terzo do século serán , gran retratista, e Serafín Avendaño, paisaxista. Un tanto máis renovadores poder ser Ovidio Murguía (fillo de Rosalía de Castro e Manuel Murguía) e Parada Justel.


Dionisio Fierros, Romaría preto de Santiago
Fenorella, Fiandeira


Avendaño, Paisaxe


Murguía, Mariña



Parada Justel, O recordo das xoias




EXERCICIOS