IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

A cultura castrexa

A introdución e xeneralización do ferro (s.V a.C.), abre unha nova etapa cultural, a Cultura Castrexa, se ben arrinca xa no Bronce Final (arredor do s. X a.C.) e se prolonga durante a época romana -cultura galaicorromana- ata chegar ós principios da Idade Media, sendo a etapa de plenitude os séculos II e I a.C.
O común denominador desta cultura é a existencia de poboados fortificados, os castros, dos que recibe o seu nome. Falamos dunha cultura que se estende pola zona noroccidental (Galicia, norte de Portugal e Asturias) na que se debate o seu carácter celta, difundido por autores do s. XIX que tentaban dar un pasado heroico có que dar grandeza ó noso pasado histórico. Hoxe detractores e defensores do celtismo coinciden en que existen trazos celtas (como o topónimo briga) pero non que houbera unha chegada masiva de celtas.
As máis antigas referencias proceden de Estrabón (finais de s.I a.C. a primeiros do s. I d.C.), que na súa Xeografía escribe sobre os habitantes da montaña:
Todos levan unha vida sinxela, beben auga, dormen no chan e levan o pelo longo como as mulleres. Mais no combate cinguen a fronte cunha cinta. Principalmente comen carne de macho cabrío e sacrifican a Ares machos cabríos, cabalos e prisioneiros (...). Tamén beben "zythos". Están escasos de viño e o que conseguen gástano rapidamente en festíns coas familias. No lugar de aceite empregan manteiga. Toman as súas comidas en bancos construídos arredor das paredes, situándose segundo a idade e dignidade; a comida vaise pasando en roda (...). Todos van vestidos de negro, a maioría con sagos, cos que dormen en leitos de palla (...) As mulleres levan vestidos e saias con adornos florais. Os máis afastados, en lugar de moedas fan trocos de especies ou dan anacos de prata. Poñen os enfermos a carón dos camiños, como fixeran no pasado os exipcios, a fin de consultar os viaxeiros que tiveran un mal parecido. Ós condenados a morte despeñános e os parricidas lapídanos fóra das rexións ou das cidades. Usaban barcos de coiro antes de Bruto (...) pero agora, mesmo os barcos feitos dun tronco de árbore, son raros (...). Así é a vida dos montañeses (...), os Galaicos, os Astures e os Cántabros.
Os homes dan dote ás mulleres, as fillas son as que herdan e dan esposa aos seus irmáns. Isto parece ser unha especie de xinecocracia. Isto non é moi civilizado.
O rudo e salvaxe non se debe á súa vida guerreira senón ó seu afastamento. Pois as navegacións e os camiños son longos e ó non teren relacións con outros perderon a sociabilidade e a humanidade. Pero iso hoxe é máis levadeiro pola paz e pola chegada dos romanos; mais, ós que aínda non chegou isto, son máis bárbaros e bestiais.
A aparición dos asentamentos castrexos ten que ver coa chegada de innovacións mediterráneas, atlánticas e continentais, así como coa intensificación agraria e a mellora económica dos intercambios, de xeito que as comunidades máis solventes se foron vencellando á explotación intensiva dun territorio e conformando os primeiros poboados estables.
Son moitos os asentamentos espallados por todo o noso territorio, así o demostran os restos arquitectónicos, a toponimia (castro, castriño, castrillón, croa, cidá,..) e as lendas (mouros, doncelas encantadas, trabes de ouro,..). O seu estudio, que espertou temperá atención, apoíase en fontes escritas de autores gregos e latinos (Estrabon, Plinio), epigráficas (estelas, aras), folclóricas, etnográficas e datos obtidos da arqueoloxía.

ECONOMÍA
Estaba centrada na agricultura con arado, predominando os cultivos de millo miúdo, cebada e trigo, complementado con leguminosas como fabas e xudías, posiblemente alternándose con épocas de barbeito nas que as terras servirían de pasto para o gando e este á súa vez abonaríao.
A gandería supoñía o maior aporte enerxético da dieta, particularmente de ovellas, cabras e vacas (aproveitadas tamén como animal de tiro); o porco era a especie de menor consumo. 
Nos lugares próximos ó mar era frecuente o marisqueo e a pesca como indica a existencia de cuncheiros e anzois.
Mantíñase a caza (cervos e xabarís) e a recollida de froitos silvestres e landras, utilizadas para a fabricación de fariña. En relación co consumo de landras é significativo o cambio do muíño naviforme ó circular, pois este último non permite moer o froito do carballo. En opinión de certos autores, este cambio coincide cos inicios da romanización e marca o cambio da landra polo cereal na elaboración do pan.
Os montañeses viven durante dous tercios do ano de landras que secan e machacan e que logo moen para facer pan e logo conservalo moito tempo.
Estrabón, III, 3.7.



A minería alcanza tamén certo grao de desenvolvemento na extracción de estaño, cobre, ferro, chumbo e ouro, ata o punto de que moitas técnicas indíxenas foron logo incorporadas ás técnicas de minería romanas.
En canto ó comercio, sabemos que se exportan metais e se importa cerámica e vidro doutras zonas da Península. A aparición de restos de procedencia púnica e grega confirman a existencia dun comercio a longa distancia con pobos do Mediterráneo e do Atlántico. Sen embargo non existiu sistema monetario ata que o introducen os romanos e, aínda así, mantívoso o troco.

SOCIEDADE

Oganízase en unidades que se van xerarquizando desde o individuo, pasando polas unidades familires, os grupos de parentesco que forman un castro -castellum-, o populus (conxunto de castros) dirixido por unha especie de régulo, para culminar nun grupo extenso que podería ser definido como tribo. Do nome dun destes populi, os callaeci, deriva o nome de Gallaecia dado polos romanos a todo o territorio, pero había moitos pobos: lemavi, caporos, arróns, ...
A pesar de que se ten falado moito dunha sociedade matriarcal, o estudo dos textos clásicos demostra que non é así. Si hai un equilibrio económico entre homes e mulleres, posto que son elas as que herdan as terras e reciben dote dos seus pais e dos seus irmáns ó casar, pero no plano político e militar o poder están en mans dos homes. 
Tampouco parece unha sociedade moi guerreira en contra do que se pensaba ata agora (hai que entender a definición de belicosos que fan os autores clásicos, como parte da propaganda), xa que os poboados aparecen moi dispersos e a competencia polos recursos non sería moi dura (agás nun principio, pola competencia territorial). Ademais eran poboados pequenos e neles non aparecen case armas. As murallas servirían para cohesionar, para facer ben visibles os poboados, para destacar o seu status, como prevención contra os perigos do medio, para prever posibles momentos de tensión,... O que está claro era que non tiñan ansias expansionistas, o que parece condición sine qua non nos pobos guerreiros.
A inexistencia de templos e de casta sacerdotal (non existían druídas como nos pobos celtas), a ausencia de rituais funerarios posto que a incineración deixa poucas pegadas, a non representación dos seus deuses, deixa aberta á interpretación as súas concepcións relixiosas. Rendíase culto a unha serie de divindades, algunhas de carácter local, que se poden encadrar en tres niveis. No primeiro estarían as deidades relacionadas coas forzas da natureza, que recibían culto no cumio das montañas, como o Xúpiter romano, e os deuses guerreiros; en segundo lugar os deuses da fecundidade, da fertilidade e da riqueza; no terceiro nivel os cultos relacionados coas augas, os bosques (Lugh), o gando. Por último pervive desde o mundo neolítico o culto ós deuses das encrucilladas, encargados de guiar as ánimas dos mortos cara ó alén (¿Santa Compaña e cruceiros actuais?).

Os castros
¿Cómo eran os primeiros castros? É unha pregunta de difícil resposta, os distintos autores coinciden en que as primeiras contrucións eran de madeira e palla, e que a introdución da pedra é máis ben tardía. Os xacementos que hoxe podemos ver, foron utilizados case todos durante a romanización e amosan construcións e estruturas moi influenciadas pola cultura romana.
As teorías tradicionais sitúan estes poboados en lugares de fácil defensa e amplo control das terras adxacentes. As teorías máis modernas poñen en dúbida o carácter bélico dos habitantes dos castros, como xa sinalamos, e razoan a súa ubicación no alto dos montes e cerros pola maior facilidade que presentan estes lugares para a deforestación e para o drenaxe da abundante auga que se acumula en terreos máis baixos e chans. Quizás a razón principal desta ubicación fora a actividade principal dos seus habitantes. Así, temos castros situados en zonas mineiras, en estratéxicas zonas costeiras, controlando camiños ou vías fluviais, incluso nas illas principais. Outro punto significativo é a comunicación visual entre poboados próximos e a defensa do subministro de auga. En definitiva, en función do seu emprazamento encontramos castros de chaira, castros costeiros, de outeiro e de ladeira.
A forma dos castros ven condicionada polo forma natural do terreo no que se asentan. A definición clásica de poboados circulares cunha ou máis murallas concéntricas é demasiado simple. Os castros de terras chás tenden ó círculo pero canto máis agreste se fai o terreo máis cambia a forma. O que si é certo é que todos adoptan forma curva, circular ou elíptica, e que presentan unha ou varias murallas, a maioría das veces a causa de distintas ampliacións, que dividen asentamento en varias partes, como veremos máis adiante. En canto ás súas dimensións, son moi dispares: existen castros con apenas 400 metros cadrados mentres algún outro acada os 90 000 metros cadrados, como Las; en Portugal son maiores, chegando ós 200 000 metros cadrados de Monte Mozinho.

Os sistemas defensivos son moi variados, empeza pola adopción dun lugar estratéxico e continúa coa construción de outros elementos que adoitan rodear todo o perímetro do poboado, mesmo onde a orografía do terreo as fai innecesarias, pero sempre son maiores nas zonas máis vulnerables.
Para o simple terraplén (castros de Borneiro e Castromao) aproveitan a terra do achairamento do lugar. Neste caso é posible que o terraplén só sexa a base de murallas desaparecidas, pois non se pode esquecer que estes xacementos abasteceron de pedra ás aldeas veciñas durante séculos.
Noutros casos, por diante das murallas aparecen parapetos con foxo que reforzan as zonas máis débiles como son as entradas, zonas chas ou de escaso desnivel. Os foxos son outro dos elementos defensivos que aparecen en case todos os castros. Estes sempre se sitúan por diante dun terraplén, parapeto ou muralla e se escavan tanto en terra como en roca. Son importantes construcións de entre 5 e 10 metros de ancho e nalgún caso chegan a cerca de 200 metros de largo e 18 metros de profundidade. Nos castros de Baroña, Troña, Las, Viladonga, Fazouro e O Neixón podemos apreciar este tipo de defensas.
As defensas máis fascinantes son sempre as murallas de pedra. Non debemos confundir con murallas os muros de pedra que soportan e delimitan as distintas terrazas que hai desde a croa do castro ata a muralla propiamente defensiva e que pecha o recinto. Segundo algúns autores, a croa, defendida xeralmente cunha muralla, é a parte máis antiga do castro. A partir de aquí vaise ampliando con novos recintos deixando sempre unha ampla zona entre muros. Esta parte utilizaríase seguramente para encerrar o gando e para o cultivo. O sistema de construción destas murallas evoluciona ó mesmo tempo co das casas. Nunha primeira etapa utilízanse pedras tal como se obteñen das canteiras para ir evolucionando a pedras labradas pola parte exterior e a construción helicoidal. As murallas se forman con dous muros pola parte exterior e recheo de material no interior. Esta construción e a lixeira inclinación do muro exterior cara ó interior do castro na súa parte máis alta fan que sexa unha defensa moi efectiva e elástica á hora de absorber impactos.
O último elemento defensivo son as portas: unha soa nos castros máis e varias, pero sempre as mínimas, nos máis grandes. As portas configúranse en abombamentos da muralla que toman unha maior altura a modo de cubos.

Outras veces un dos lenzos da muralla supera ó outro configurando un estreito pasadizo de acceso. Tamén se pode dar o caso de que se alce un parapeto diante da porta. Nalgún castro apréciase, ós lados das portas, corpos de garda, como en San Cibrao de Las. Noutros, como Borneiro e Baroña intúese algún sistema de peche entre os machóns que sobresaen no pasadizo da porta. Aínda que non existen restos das portas propiamente ditas, a especial construción da muralla nesta zona, fai imaxinar un sistema de peche moi efectivo.
Superadas as defensas, nunha primeira ollada ó interior observamos un conxunto ateigado de construcións sen orde aparente. En sentido estricto non existe urbanismo, entendido como planificación urbana, pero tampouco se trata dun conxunto anárquico, ó contrario estes poboados estaban construídos con lóxica.
Dentro do asentamento existe un agrupamento de edificacións individuais (cabanas, cortes, celeiros, alpendres) que corresponden a células unifamiliares e que se interrelacionan o chou, conforman barrios que se organizan ó redor dun patio ou se distribúen de xeito lonxitudinal ó longo de rúas enlousadas. Vense moi claramente en Las e en Castromao. Noutros castros son máis patentes os agrupamentos en barrios separados por muros, que as unidades familiares. Nalgún caso os barrios dispóñense en distintos niveis con escaleiras de acceso entre eles, é o caso de Baroña e Troña.
As vivendas de planta circular ou elíptica, tamén cuadrangulares ou rectangulares, empezan a construírse en pedra entre os séculos III e II a.C.; as anteriores eran de palla e barro. A partir do s. I a.C. engadíuselles o típico vestíbulo. Este tipo de construción utilizarase durante bastante tempo, sendo habitual encontrar no vestíbulo fornos e pías de pedra. No centro soe aparecer un burato que uns interpretan como o lugar onde estaba a gramalleira da que colgaban os postes da lareira, en ocasións había bancos corridos pegados ó muro e peanas para depositar obxetos. Os muros presentan sistemas construtivos moi variados, desde simple pedras toscamente agrupadas, ata lenzos helicoidais moi elaborados. Os tellados debían ser cónicos e de material vexetal (en Piornedo ou en Balouta -León. aínda se poden ver pallozas con tellados de materiais vexetais) e para suxeitala poríanse pedras encima ou colgando dela. As portas construiríanse de madeira e moitas veces estaban bastante por encima do nivel do chan, polo que se debían de utilizar escaleiras para o acceso. As ventás non debían de ser moi habituais aínda que si os trisques calados e celosías. Por último mencionar enlucido interior aparecido nalgunhas casas, o que leva a pensar que era habitual neste tipo de construcións.




VER VÍDEO: El legado celta de Galicia (TVE)


EXERCICIOS