IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

Baixa Idade Media

Os tempos medievais estiveron marcados por todo tipo de dificultades: de subsistencia, pestes, guerras, cambios sociais, políticos e económicos.
A finais do s. XIII, a expansión demográfica e agraria chegara ó seu punto culminante: o desequilibrio entre os recursos e a poboación resolveuse medinte un axuste demográfico causado polas pestes e as enfermidades que afectaron especialmente ás vilas litorais das Rías Baixas, tanto a Peste Negra en 1349 como a de 1387.
O tema da morte terá repercusióntanto na arte coma na literatura.

Trinfo da morte. Anónimo palermitano, s. XV

Brueghel, Triunfo da morte, s.XVI
Petrarca


1.- DIFICULTADES DO S.XIV

a) Fame. Nas primeiras décadas do século parece que a poboación alcanzou o tope do seu crecemento debido á dificultade de aumento de terras cultivables, ó descenso dos seus rendementos e a unhas circunstancias climáticas adversas que orixinaron unha serie continuada de pésimas colleitas.
Foi tan malo o ano [1333] que morreron moitas xentes de fame, como nunca os homes viran morrer por esta razón, nin viran nin oiran dicir ós antigos (...). E tantos foron os mortos que foron soterrados nos adros das igrexas e non cabían neles, e tiñan que enterralos fóra dos adros e deitábanos en covas de catro e de seis cando os aatopaban mortos polas rúas (...). E así foi este ano tan malo para toda Castela e Galicia.
Cronicón Conimbricense.
b) A Peste Negra. Houbo varias explicacións, a fundamental que se trataba dun castigo divino o que desencadeou toda unha serie de procesións de penitentes (abaixo,flaxelantes), pero tamén se culpou ós xudeus que causaban o mal ó envelenaren os pozos e así destruíren a cristiandade: houbo linchamentos e saqueos.



Queima de xudeus. Liber Chronicarum, s.XV

Esta peste bubónica, procedente de Oriente, expandiuse por Galicia a grande velocidade; parece que entrou polo porto de Baiona en setembro/outubro de 1348 afectando ó interior ó ano seguinte. As repercusións demográficas e económicas foron inmediatas: as terras quedaron ermas, os lugares despoblados e flexibilizáronse os contratos forais.




c) A violencia dos poderosos. O descenso da produción por mor do descenso demográfico restou as rendas señoriais. Os señores reaccionaron endurecendo as súas posicións, especialmente a nova liñaxe dos poderosos cabaleiros (Moscoso, Castro, Ulloa, Deza,...) que non se contentaron con actuar sobre os campesiños senón que tamén o fixeron sobre os señoríos eclesiásticos que foron, pola forza, postos en encomenda (ofrecían ós mosteiros “seguridade” a cambio do aforo ou da cesión de terras) o que cimentou a súa superioridade.

d) Conflitos bélicos. Na segunda metade do século, Galicia foi escenario de dous conflitos: a guerra civil entre Pedro I e Henrique II, entre Henrique IV e o Infante Afonso e a guerra de sucesión entre Isabel e Xoana a Beltraneja.


No seo das loitas dinásticas de finais do XIV entre Pedro I, o Cruel, e o seu irmán Henrique de Trástamara as antigas liñaxes terminaron por desaparecer, pois apoiaron ó bando perdedor. O novo rei Trastámara abriuse paso mediante unha auténtica ocupación nobiliaria, confiando ós seus parentes os cargos importantes e facilitando a chegada de novas estirpes alleas a esta terra, que ocuparán cargos importantes e formarán “casas” grazas ó establecemento do morgado, son os Altamira, Lemos, Andrade, Sotomaior e Ribadavia.
Xabaril dos Andrade portando unha cruz lobulada
Igrexa de Santa María de Cabanas, Vicedo



Tamén o problema sucesorio de Henrique IV tivo repercusión en Galicia: Xoana contou có apoio do cabaleiro Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Maruga), mentres a favaor de Isabel estivo o arcebispo de Santiago e boa parte da nobreza galega, por exemplo Diego de Andrade.

2.- A ECONOMÍA
Cando a poboación comezou a se recuperar, as actividades económicas experimentaron cambios. Por exemplo, prestáronse moitos máis coidados ó arboredo, en especial ás arbores froiteiras co reforzo do cultivo da vide con destino á exportación, favorecida posiblemente porque as áreas produtoras de viño de Francia quedaron ermas trala peste. Outro cambio importante foi o crecente aproveitamento dos recursos do mar: pescábase sobre todo pescada, congro ou sardiña; medrou notablemente a industria de salga; desenvolveuse un importante comercio de exportación cara ós centros consumidores do Mediterráneo. Deste xeito o mar, nestes séculos, actuou de panca económica para a Galicia litoral e de vía de comunicación de Galicia con Italia e Flandres. O desenvolvemento dunha actividade comercial basicamente realizada por mar é unha das grandes transformacións do territorio galego medieval: a presenza de comerciantes foráneos nos portos de Galicia ou de galegos na maioría dos portos de Europa e do Mediterráneo foi unha constante que propiciou o crecemento das vilas marítimas, en especial as do Golfo Ártabro (A Coruña e Betanzos) e as das Rías Baixas (Noia, Pontevedra e Baiona). De Bretaña viña gran parte do sal para o salgado e para o norte dirixíase gran parte do viño exportado. Para o Mediterráneo ían os toneis de peixe afumado ou en salgadura e viñan panos e produtos manufacturados, ademais de viño catalán reexportado a Flandres. Tamén chegaba ouro a través do Mediterráneo, unha aventura orixinal na que se embarcaron algunhas familias preeminentes, ata que o comercio con América eclipsou estes circuítos, xa que, ademais, os portugueses colapsaron o comercio atlántico xunto ós casteláns, que vedaron o acceso ó Atlántico a outros portos que non foran Sevilla.

3.- A SOCIEDADE
Un trazo característico é a transformación das elites nobiliarias, substituídas agora por novas estirpes, moitas delas foráneas, que chamamos nobreza dos cabaleiros. Á vella puxanza dos señores eclesiásticos seguiu sendo forte, pero a novidade era que comeza a ser posta en cuestión por estes cabaleiros. Os actos de enfrontamentos nobiliarios e pillaxe foron habituais e os cabaleiros construirán numerosas fortalezas ou torres. Os derradeiros reis que mantiveron lazos con Galicia (chegando a ser enterrados en Compostela) foron Afonso IX e Fernando II; a partir de entón a nobreza antiga xa non representará ningún papel importante xunto ós novos reis, afastados deste territorio.

4.- AS CIDADES
O crecemento comercial e a fuxida de campesiños do rural, fixo medrar as cidades. Xunto ás tradicionais sés episcopais desenvolvéronse outros núcleos: Ourense, Ribadavia, Betanzos, Noia, Viveiro, asentándose nelas novos oficios e poboadores, ademais das novas ordes mendicantes. O grupo dos comerciantes pasou a ser o principal e algúns chegaron a formar grandes fortunas. Agrupábanse en gremios e confrarías. Tamén habitaban aquí mariñeiros e campesiños, así como grupos marxinais, moi importantes nalgunha cidade (en Pontevedra supuñan unha cuarta parte da poboación). Pero tampouco as cidades escapaban á tensión. O señorío das cidades era exercido por señores eclesiásticos, pero a partir do s. XIV moitas vilas pasaron a mans dos cabaleiros grazas a mercedes dos reis ou pola forza; soamente Coruña e Baiona lograron someterse a reguengo. Nas principais cidades que eran sé episcopal a burguesía mercantil tentou levantarse contra os prelados e pórse baixo o señorío dos reis. Isto provocou importantes conflitos en Santiago, Lugo e Ourense, nas que contenden burgueses (ás veces apoiados pola nobreza) contra os seus bispos. Nas pequenas vilas tamén houbo tensión contra os novos señores, moitos dos cales usurparon o poder ós antigos. Todos estes conflitos serviron de prólogo para as guerras irmandiñas.

4.- AS GUERRAS IRMANDIÑAS
Constitúen o trazo máis característico do século XV galego: os enfrontamentos entre homes de cidade e os seus señores a fin de liberarse dos bispos e pasar a depender dos reis, e entre os homes do campo e os nobres. Converteuse nun conflito xeneralizado que toma nome da organización dos seus protagonistas en irmandades, servían para garantir a orde pública en tempos de inseguridade, e polo carácter solidario e colectivo que tiveron. As causas foron tanto económicas (a presión impositiva señorial e as encomendas) coma políticas (loitas dinásticas e sucesorias, os novos cabaleiros e as súas bandas de salteadores).

- Primeira guerra irmandiña: en 1431, a Irmandade Fusquenlla de campesiños do señorío Nuño Freire de Andrade, iniciou unha revolta nas terras de Pontedeume liderada por Roi Sordo como reacción cotra do maltrato dado ós seus vasalos. A revolta estendeuse por terras dos bispos de Lugo e Mondoñedo e chegou a destruír algunha fortaleza como o castelo dos Andrade en Betanzos.
Pero a revolta rematou por fracasar, o que foi seguido dunha forte represión.

- Segunda guerra irmandiña (1467-1469). Foi nas cidades onde fragou e dende onde irradiou o movemento símbolo da mentalidade xusticeira e antiseñorial da sociedade galega baixomedieval, que rexeitaba as inxustizas cometidas polos señores, considerados popularmente como “malfeitores”. Se o patriciado urbano foi o promotor, a reacción mantivo un carácter interclasista coa participación de membros da baixa nobreza, burguesía, campesiñado, asalariados e parte da Igrexa (mosteiros, atacados habitualmente polos nobres, e cabidos catedralicios, xa que nestes a orixe social dos seus compoñentes era da fidalguía e a alta burguesía e ademais competían cos bispos) de xeito que chegou a contar cunhas 80.000 persoas. Pero había unha confluencia de distintos intereses: contra dos impostos señoriais abusivos cobrados para sufragar as súas liortas e manter un alto nivel de vida; defensa das liberdades urbanas, especialmente as de tipo económico, xa que os señores (laicos ou eclesiásticos) lles restrinxían a súa liberdade comercial; revisión xeral de impostos (aínda que non pretendían acabar coa orde establecida e facer pagar ós estamentos privilexiados); devolución das terras monásticas usurpadas polos nobres; fin das loitas nobiliarias, que propiciaban a aparición de bandas de malfeitores; defensa da autoridade dos reis.
A pesar de que tiveron unha certa espontaneidade, os textos sinalan como dirixentes do movemento, máis ben “capitáns” limitados á acción militar e non á política, a Pedro Osorio, actuou no centro de Galicia, sobre todo na zona de Compostela, a Alonso Lanzós, dirixiu a revolta na zona norte de Galicia e a Diego de Lemos, dirixiu as accións irmandiñas no sur de Lugo e norte de Ourense.
O máximo poder, exercido no nome do rei, residía na Xunta Xeral da Irmandade, da que emanaban as decisións de goberno entre as que se icluían a recadación de impostos para seguir adiante coas revoltas. Contaba cunha sólida organización por comarcas, vilas ou cidades, seguindo o esquema dos concellos baseada en cuadrilleiros -función militar-, alcaldes -cargo superior de cada irmandade- e procuradores como representantes das organizacións locais.
Nun primeiro momento a nobreza respondeu timidamente e maior parte dos castelos e fortalezas foron ocupados e derrubados polos irmandiños, uns 160, principalmente da Mitra compostelá, do conde de Lemos, Moscoso, Andrade, Ulloa e Soutomaior. A maioría dos bispos e nobres fuxiron cara a Castela e Portugal. En calquera caso, o proceso tivo ritmos diferentes en cada lugar: cando o maior peso das accións recaía sobre os labregos, estes tomaban rapidamente os castelos, en cambio, as irmandades cidadáns foron máis propensas á adopción de medidas legais como, por exemplo, a entrega dunha fianza ó nobre para acceder á posesión do seu castelo. En menos de dous anos os irmandiños controlan o país. Afanáronse en restablecer a orde pública, xa que este era o seu cometido orixinario; deste xeito, procuradores, alcaldes e cuadrilleiros portaban a “vara de xustiza”.
Pero a euforia durou pouco. Á disensión interna pola diverxencia de obxectivos, manifestada no abandono dalgúns elementos da baixa nobreza, temerosos de radicalización, hai que sumar o fin do problema sucesorio de Henrique IV que agora xa non precisaba das irmandades e, especialmente, o contraataque da nobreza iniciado por Soutamior desde Portugal, co apoio das forzas doutros nobres e das do arcebispo Fonseca. Na torre da Lanzada refuxiáronse, inutilmente, os últimos irmandiños.
Seguiu unha forte represión, aínda que medida pois os señores precisaban da forza de traballo. Houbo, non obstante, casos puntuais de prisión e morte. Os señores van poñer máis empeño na reconstrución das fortalezas, revitalizando vellas imposicións feudais, o que significaba unha sobreexplotación do campesiñado. Non obstante, isto non puido facerse en todos os lugares, debido á miseria e ó medo a unha nova reacción violenta.
Como conclusión, sinalar que mentres en Europa emerxe a burguesía, en Galicia non foi posible ó fracasar unha primeira experiencia embrionaria do capitalismo, perdendo os burgueses calquera significación política. O campesiñado permanecerá estático no seu papel de xerador de rendas. A nobreza sairá quebrantada da longa crise que viña arrastrando, manterá a súa preponderancia económica pero poucos anos máis poderá reter o seu poder político, e os seus enfrontamentos internos continuarán. Ademais, o seu enfrontamento coa nova raíña Sabela I será castigado coa chegada de nobres alleos ó país.


Fortalezas derrubadas


Evolución do conflicto




5.- A ARTE
A arte que corresponde a esta etapa é a arte gótica, se ben a súa entrada en Galicia foi tardía pois aínda nos séculos XIV e XV se seguiu a construír numerosas igrexas, sobre todo no rural, en estilo románico.